Vai trío ou quinteto (folk)

 

VAI é o grupo formado por Xosé Ramón Vázquez no acordeón, Giao Rodrigues na guitarra e a mandolina e Roberto Santamarina no violín. Os tres foron membros de Fía na roca, onde se coñeceron e tocaron xuntos durante quince anos. Agora presentan este proxecto, un formato acústico adaptable a todas as situacións, sólido no musical e lixeiro na posta en escena.

A súa música é na maior parte de composición propia pero sen deixar de lado o mellor repertorio tradicional, do que interpretan varias pezas tentando darlles un aire orixinal, enérxico e cunha sonoridade diferente, recreando o popular para convertelo en algo novo, modelado cos arranxos e ideas duns músicos de hoxe en día.

Pretenden chegar a todos os lugares e audiencias posibles: desde un concerto acústico nunha pequena sala ata o escenario dun festival de verán. Todo está aberto, mesmo a conversión en quinteto coa inclusión de Carlos Castro na percusión e Pablo Pérez no contrabaixo. No ano 2017 presentarán o seu primeiro disco, co que agardan andar os camiños de Galicia e do resto do mundo para chegar ali onde queiran apreciar o seu traballo. Entón, agora a cuestión é: VAI ou non VAI? Escóitaos e verás.