LOVISMO

A banda da Loba continúa a súa xira Lovismo, o espectáculo que leva ao directo o seu último disco, publicado en 2025 da man de Arturo Vaquero.

Sen abandonaren o seu característico estilo calidoscópico, fálannos de diferentes tipos de amor a través da bachata, o pop ou a música disco, sen deixar de lado a inspiración literaria da que sempre botan man e reivindican.

ABDL é compromiso, reivindicación e fusión a través dunha música moi diversa e, ao mesmo tempo, moi característica, que atrae a todo tipo de persoas.

O amor non foi nunca un tema especialmente tratado por elas, pero tras esta última etapa na que estivo tan presente nas súas vidas por diversos motivos, decidiron explorar e falar sobre el e as súas múltiples formas e expresións.

Lovismo é unha declaración de amor. Un fío vermello que nos une dende o corazón.
Lovismo é un canto polos amores que son e os que non chegan a ser.
Unha aperta ás amigas que aparecen e ás que permanecen.
Un aloumiño ás lobiñas que nacen no cubil.
Un recoñecernos na man que compartimos para transitar este camiño.
Un espazo no que agroma o desexo, dende a liberdade, o tempo da seducción.
Lovismo é querernos ben. Un bico na meixela cando chove e cando o sol pecha as pálpebras.
Lovismo é o que queremos.

#Lovismo é amor e transformación. E ti, convérteste en Loba?

Ficha técnica

  • Xénero: Canción de autora / Músicas do Mundo / Pop
  • Elenco: Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Iria de Cabo (guitarras), Paula Rego (percusión) e Xiana Lastra (voz)
  • Duración do espectáculo: 75 min prox.
  • Web: www.abandadaloba.gal

O proxecto Lovismo do grupo A banda da Loba contou no seu desenvolvemento coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais.