
AIRIÑOS DA FREBA
Con Grelos
Airiños da Freba é un grupo de música tradicional galega con orixe en Lugo. Naceu coa intención de conservar, reinterpretar e divulgar o patrimonio musical da nosa terra, levando a música popular galega a escenarios dentro e fóra de Galicia. Coa forza da gaita, saxo, clarinete, violín, zanfona e acordeón, ao ritmo das percusións e coa harmonía das voces, Airiños da Freba ofrece un espectáculo cheo de enerxía e identidade.
No ano 2016, saíu á rúa o seu primeiro traballo discográfico, O’de Lacón, co que acadaron un grande éxito dentro e fóra do noso territorio. Ese mesmo ano publicaron un videoclip, O Estraperlista, coa colaboración de Morris. A finais de 2020 presentan Con Grelos, co que foron gañadores nos Premios Martín Codax 2022 e baixo o que publicaron o videoclip Polichinela.
O repertorio de Airiños da Freba abrangue unha ampla variedade de estilos dentro da música tradicional galega: muiñeiras, rumbas, pasodobres, valses e outras pezas populares. O grupo combina o respecto pola tradición coa creatividade e a enerxía das interpretacións en directo.
Neste 2026, os Airiños da Freba regresan aos escenarios con moita forza e cun repertorio renovado, coa vista posta na estrea do terceiro traballo discográfico do grupo, que xa están a gravar!
Ficha técnica
- Xénero: Música tradicional
- Elenco: Xosé Manuel López (acordeón e voz), Luís Quintana (saxo e voz), Miguel Carballo (percusión e voz), Pablo Pintor (clarinete e voz), Víctor Villamor (gaita e voz), Manuel Santín (percusión e voz) e José Varela (violín e voz)
- Duración do espectáculo: 75-80 minutos


