De Vacas son a Marela, a Pinta, a Morena e a Rubia.

Son tamén Inés Salvado, Faia Díaz, Paula Romero e Guillerme Fernández.

Levan dez anos xuntas, sábeno pola data de creación do grupo de WhatsApp.

Daquela non se chamaban De Vacas, eran Spice Jazz, logo mudaron o nome e pasaron a ser Pancho and the Chochas.

Unha noite, nalgún bar da cidade que as viu nacer, adoptaron a súa forma definitiva: eran catro vacas, catro vacas que cantaban.

Comezaron versionando cancións en idiomas diversos, creceron no país do cunnilingüismo harmónico. Un karaoke en coreano (de Corea do Norte) catapultounas á fama internacional e desde entón percorreron os palcos de todo o mundo. De Viveiro ao Bolo, de Noia á Teixeira.

Presentaron dous grandes espectáculos Tour Vacanal e Rebovina Divas Live cos que actuaron por toda Galiza e xiraron por parte importante da península (Madrid, Valencia, Euskadi, Murcia, Andalucía, Asturias, Castela e León, Portugal…).

Entre os seus recoñecementos, levaron o Premio Feria de Teatro de Castilla y León (Ciudad Rodrigo) en 2018 e foron finalistas aos Premios Martín Códax da Música.

Despois de celebrar o seu décimo aniversario xirando coa Vacanal Sinfónica, as vacas están a preparar un novo proxecto para estrear en 2027. Atentas ao que vén!

Ficha técnica

  • Xénero: Pop, versións.
  • Elenco: Inés Salvado, Faia Díaz e Paula romero (voz), Guillerme Fernandez (guitarra).
  • Web: devacas.gal