
LUMEDOLOOP + saibran
CLUB CLAVICÉMBALO
21 de marzo – 22:30 h
SALA FILOMATIC
1 de abril – 22:30 h
(apertura de portas ás 22:00 h)
SALA REBULLÓN
1O de maio – 20:30 h

lumedoloop
O lume da creación. O loop da transformación.
Lumedoloop é un trío de hip hop nacido en Compostela, formado por Jamas (voz principal), Møu (produción e voz) e DJ Mil (scratches e djing), tres figuras fundamentais da cultura hip hop en Galicia cunha traxectoria de máis de dúas décadas.
O proxecto nace da complicidade creativa entre Jamas e Møu, membros fundadores de Dios Ke Te Crew, pioneiros do rap en galego e referentes da escena urbana desde comezos dos anos 2000. A esta alianza súmase DJ Mil, un dos DJs máis recoñecidos do hip hop galego, completando un triángulo creativo baseado na experiencia compartida, a precisión musical e unha visión común.
O propio nome do proxecto funciona como manifesto: Lume representa a faísca creativa e a chama que impulsa a loita contra as inxustizas externas e as sombras interiores; Loop simboliza a repetición sobre a que se constrúe o hip hop, o ciclo que permite aprender, caer, erguerse e transformarse.
(Re)existencia
En 2026 publican o seu primeiro LP, «(Re)existencia», un traballo conceptual que explora identidade, resistencia e transformación. O título activa tres dimensións interconectadas —rexistencia, reexistencia e existencia— e propón a creación artística como forma de resistencia cultural e vital, defendendo a necesidade de vivir con conciencia e reivindicando a arte como ferramenta de resistencia, pensamento crítico e celebración colectiva.
Sobre o escenario, Lumedoloop desprega o triángulo conceptual do disco: a Rexistencia —o lume da loita—, a Reexistencia —o loop da transformación— e a Existencia —o froito de resistir e transformarse, a presenza plena—.
O flow magnético e a poética afiada de Jamas, a narrativa sonora de Møu e a técnica milimétrica de DJ Mil constrúen un concerto intenso, dinámico e sen concesións.
Unha viaxe que atravesa a poesía máis esixente, a denuncia social sen edulcorantes, a retranca como arma e a introspección máis fonda, mantendo viva a esencia do hip hop: palabra, ritmo e actitude.
Unha proposta escénica firme, honesta e sen artificios.
Rap en estado puro.
O lume está aceso.
O loop faino eterno.
Ficha técnica
- Xénero: Hip hop / Rap
- Elenco: Jamas (voz principal), Møu (produción musical e voz) e DJ Mil (scratches e djing)

