
Mondra
Artista, cantareiro e bailador, Mondra é un dos nomes máis sobranceiros da escena musical do país.
Co seu álbum debut, titulado ARDĒN (Altafonte, 2023), acada o recoñecemento unánime de público e crítica, xunto a outros galardóns, como o Premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Electrónica 2024, ou o Premio Mestre Mateo ao Mellor Videoclip 2025 por MARIMONDRA.

Trala exitosa xira co seu primeiro traballo discográfico, ARDĒN, no mes de maio de 2025 Mondra lanza o seu segundo traballo discográfico, DE RONDA (Altafonte, 2025), un álbum persoal e irreverente, “para seducir”, que presenta un novo son, orgánico e fresco da man de Hevi, responsable da produción (Laboratorio Soyuz).
a ronda
A RONDA é o espectáculo que leva ao directo o segundo traballo discográfico de Mondra, no que a música, o corpo e a escena dialogan coa tradición para resignificala desde o presente. Nela, baixo a dirección artística do bailarín e coreógrafo Daniel Rodríguez, o novo traballo discográfico cobra vida a través da música ao vivo, a danza e unha sofisticada e visual posta en escena.
A xira 2026 da RONDA, que dará comezo no mes de abril, levará o espectáculo de Mondra de novo aos escenarios dentro e fóra das nosas fronteiras.
Ficha técnica
- Xénero: Tradicional – Electrónica
- Formato: música e danza
- Duración do espectáculo: 80 minutos
- Elenco: sobre o escenario, Mondra está acompañado por Artur Puga, Julia Sánchez-Biezma, Xabi Gómez e Saínza Piñeiro, que conforman a banda, e Sabela Domínguez e Jandros Rodríguez como intérpretes de danza.
- mondra.gal
O proxecto A RONDA de Mondra contou no seu desenvolvemento coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais.


